Sunday 19 de May de 2024

Carballo, sede dunha xornada do Eixo Atlántico sobre as novas liñas de financiamento das Estatexias Territoriais Integradas


Na reunión, programada para este xoves 9 no Fórum, participarán representantes dos concellos que forman parte do organismo de cooperación transfronteiriza

As ETI (Estratexias Territoriais Integradas), antigas Edusi, supoñen unha gran oportunidade de financiamento para o despregamento de actuacións de desenvolvemento urbano sustentable establecido no obxectivo político 5 dos fondos FEDER. Con motivo da súa inminente convocatoria, o Eixo Atlántico organizou unha sesión para informar os seus concellos para que presenten proxectos de calidade e con posibilidades de éxito.

A xuntanza celebrarase este xoves 9 de maio no Fórum Carballo, coa participación dos concellos e as deputacións que forman parte do Eixo Atlántico e da Xunta de Galicia. O concelleiro de Innovación, Fondos Europeos, Formación, Emprego e Axenda Urbana, Iván Andrade Tasende, exercerá como anfitrión xunto con Alfredo García, vicepresidente do Eixo Atlántico, e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral, e ademais pechará o encontro intermunicipal coa presentación do plan de acción da Axenda Urbana de Carballo, un dos poucos concellos que xa a ten aprobada.
Tal como apunta Iván Andrade, a Axenda Urbana é “un documento de carácter estratéxico, que non ten rango normativo, é voluntario, e marca as estratexias para cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), pero que a partir de agora será preciso para acceder aos fondos ETI (Estratexias Territoriais Integradas), que substitúen aos antigos Edusi”.

Despois de dous anos de traballo, un proceso no que, ademais de realizar unha diagnose do punto de partida, recolléronse as achegas de técnicos dos distintos departamentos municipais, dos grupos da corporación e tamén da sociedade organizada, a través das sesións celebradas con asociacións empresariais, ambientais, culturais, deportivas, sociais, veciñais, de nais e pais de alumnos… , a corporación municipal aprobou no mes de febreiro a nosa Axenda Urbana, un documento que inclúe 55 accións “moi diversas, e con distintos niveis de prioridade”, centradas nos ámbitos social, do desenvolvemento sostible e da posta en valor do medio rural, engadiu o concelleiro.

A Axenda Urbana de Carballo pode consultarse nesta ligazón, e o programa da xornada deste xoves 9 pode descargarse máis abaixo.

Deja un comentario